Xornada sobre o consumo de alimentos ecolóxicos

O CRAEGA xunto co CETAL, e no marco do convenio de colaboración  AGROECOL, presentan á Xornada sobre o consumo dos alimentos ecolóxicos en Galicia. Baixo o  título “Alimentos ecolóxicos, por qué?”,  vaise  celebrar o próximo día 2 de decembro en LUGO.

Nestas Xornadas presentarase, como documento de partida para o posterior debate, o PRIMEIRO BARÓMETRO SOBRE PERCEPCIÓN E CONSUMO DOS ALIMENTOS ECOLÓXICOS EN GALICIA (2010). Por primeira vez teremos datos obxectivos sobre a realidade do consumo e percepción dos produtos ecolóxicos en Galicia. Dito barómetro, elaborado no marco do Plan AGROECOL CETAL-C.R.A.E.GA., cunha metodoloxía análoga á que se segue en Cataluña e Francia e mediante unha enquisa a 1.100 responsables de compra no fogar, permitirá iniciar unha serie histórica de indicadores cos que testar a eficacia das accións dirixidas a desenvolver o noso mercado interior.

Complementando o barómetro de percepción tamén se presentará un resumen do análise feito no marco do Plan AGROECOL sobre o tratamento da agricultura ecolóxica nos medios de comunicación galegos, e que tamén aportará elementos para a reflexión sobre a política de comunicación dende o sector.

A Xornada pretende, pois, abrir unha reflexión sobre o estado da relación entre a produción de alimentos ecolóxicos e o consumidor galego. Para elo disporase unha mesa redonda na que dende distintas ópticas (produtores, entidades certificadoras, mundo científico, administracións, consumidores, restauración e distribución) e mediante un debate guiado se abordarán os puntos débiles e fortes desta relación co fin de extraer conclusións útiles para fortalecela ou reorientala.

Dende o C.R.A.E.GA. e o CETAL consideran que os temas son do máximo interese para o sector da agricultura ecolóxica en Galicia e, polo tanto, pretenden acadar unha alta participación. Para a xente interesada, prégase confirmar asistencia, a efectos de organización, no correo craega@craega.es

 

proxecto fiare galiza