A Cooperativa Integral Galega ten o pracer de anunciar as datas da 1a Xira Galega de Charlas sobre Cooperativas Integrais. Un proceso de renovación económico e social integral, público e autoxestionado.
O carácter sistémico da crise e a incapacidade dos nosos políticos para ofrecer solucións fai nacer a necesidade de crear unha nova economía de subsistencia e transición, capaz de unificar os proxectos necesarios para o cambio político e social. Estes proxectos teñen que dar cabida a profesionais e colectivos que desexen traballar dentro dun marco de relacións máis humanas e xustas, xa que só así a cidadanía poderá prantar cara á recesión económica, que está a terminar co estado de benestar.
Destas premisas xurde a Cooperativa Integral, un organismo vivo, horizontal, inclusivo e participativo, que permite desenvolver e articular actividades que sirvan para xerar traballo digno e útil e un consumo sostible e responsable. A Cooperativa é un proxecto de autoxestión económica e política igualitaria e asemblearia que reúne tódolos elementos que compoñen a economía: produción, consumo, financiamento e moeda propia. E, ó mesmo tempo, procura integrar tódolos ámbitos da vida: traballo, vivenda, saúde, cultura, educación, etc.
A curto prazo, as nosas metas serán:
• Posibilitar o autoemprego (cooperativas de traballo).
• Reducir a dependencia do euro e estimular o crecemento de moedas sociais a través de redes de cooperación (Ecoredes).
• Reducir os prezos e facilitar a venda directa de produtos locais, ecolóxicos e artesanais.
• Facilitar solucións colectivas a persoas insolventes e/ou en risco de exclusión social (alimentación, traballo, saúde, educación, vivenda,...).
• Proporcionar a posibilidade de aforro comprometido con proxectos de innovación social, ética e sostible, ao marxe do sistema bancario tradicional (cooperativas de autofinanciamento).
Os obxectivos do noso proxecto son, a longo prazo, os seguintes:
• Construír un entramado de relacións económicas cooperativas e solidarias entre persoas e empresas sociais, alleo ás flutuacións dos mercados.
• Abrir espazos que proporcionen servizos realmente necesarios: Centrais de Abastecemento, Oficinas da Vivenda, educación e aprendizaxe colectivo e proxectos de autoemprego vinculados a necesidades reais.
• Transformar a sociedade outorgando o poder real ás persoas; para iso crearase un sistema propio de seguridade e previsión social para garantir a cobertura das necesidades básicas de tódolos membros.
A Cooperativa Integral xa está en marcha, e no mes de xullo comezamos a primeira xira de charlas para achegar esta iniciativa a todos os galegos.
A continuación, as convocatorias das charlas:
Martes 3 de xullo. OURENSE.
Hora: 20:30 Lugar: Anacos da Cidade Enderezo: Rúa Paseo, Galerías vía Cambre, Entrechán, local 15
Mércores 4 de xullo. A CORUÑA.
Hora: 20:30 Lugar: Asociación Alexandre Bóveda Enderezo: Olmos, 16-18, 1o
Xoves 5 de xullo. FERROL.
Hora - 20:30 Lugar: Local San Carlos Enderezo: Esteiro
Venres 6 xullo. SANTIAGO DE COMPOSTELA.
Hora: 20:30 Lugar: PANXEA Enderezo: Rúa da Rosa 36
+ Info:
http://coiga.arkipelagos.net/ https://www.facebook.com/groups/cooperativaintegralgalega/ cooperativaintegralgalega@riseup.net









