O Foro Social Galego (FSGal) nace con un obxectivo claro, situar a Galicia dentro da construción dese outro mundo, non só posíbel senón necesario. E baixo o lema: "Pensar e construír alternativas desde Galiza" recolle o testigo do Foro Social Mundial para acadar a confluencia e a visualización de alternativas á globalización neoliberal propostas desde un amplo abano de movementos sociais.
Un espazo aberto de debate democrático de ideas, de afondamento da reflexión, formulación de propostas, intercambio de experiencias e artellamento de movementos sociais, redes, ogn e outras organizacións da sociedade civil que se opoñen ao neoliberalismo e ao asoballamento das persoas polo capital e que denuncia calquera forma de imperialismo. Web do FSGal
O FSGal terá lugar en Santiago de Compostela (Auditorio de Galiza, Burgo das Nacións e Facultade de Filoloxía) entre os días 5, 6 e 7 de decembro de 2008, un mes antes da celebración do Foro Social Mundial que este ano terá lugar en Belém do Pará en Brasil.
Durante a celebración do Foro Social Galego poderase asistir a charlas e obradoiros autoxestionados polas propias organizacións, presentacións de campañas, proxeccións de videos e filmes relacionados co altermundialismo e tamén a concertos e actividades culturais.