Suárez Canal non se compromete cunha Galicia libre de transxénicos

Representantes da Plataforma Galega Antitransxénicos reuníronse con Alfredo Suárez Canal -conselleiro do Medio Rural- o pasado 18 de abril. O motivo desta xuntanza foi coñecer o posicionamento claro da Xunta de Galiza perante da declaración de Galiza como zona libre de transxénicos (ZLT), así como testa-la actitude do Goberno galego perante da problemática da introducción de organismos modificados xenéticamente no agro galego.

 

Neste encontro, a PGA vén de constatar a total falta de compromiso da consellaría pra acada-la declaración de Galiza como ZLT, así coma para apoiar inicativas de cara a frear a entrada de organismos modificados xenéticamente (OXM´s) na Galiza. Así, tras afirmar que non se comprometería a dar un posicionamento público da consellaría con respecto aos transxénicos, Suárez Canal transmitíu que non haberá listaxes de consulta pública que rexistren que empresas están vendendo productos transxénicos (lembremos que o etiquetado só é obrigatorio cando acada un 0,9% de presencia de OXM´s, e non é obrigatorio cando o compoñente transxénico se atopaba na alimentación do animal do que se extraíu o producto). A carencia desta información contradice os dereitos das consumidores/as, e imposibilitará que @s labregos e labregas poidan detectar que plantacións modificadas xenéticamente existen preto do seus cultivos. Existe, ademáis, especial perigosidade para aqueles que contan arestora coa calificación de ecolóxicos, marca de calidade que semella querer ser impulsada pela Xunta de Galiza, malia estar a obviar a protección perante dunha das maiores ameazas: os contaxio por cultivos transxénicos. Segundo Suárez Canal, a negativa a publicita-la localización exacta dos cultivos alterados xenéticamente, responde a un principio de protección cara estas multinacionais da alimentación.

 

 Asumimos, polo tanto, que a Consellaría do Medio Rural é consciente do rexeitamento social maioritario que hai cara os transxénicos. Por outra banda, a falla de compromiso da Administración galega reflíctese tamén nos eidos da súa máis directa responsabilidade: a Consellaría desestimou a posibilidade apuntada pela PGA de que a Administración elimine os OXM´s alomenos nos servizos alimentarios que se atopan baixo a súa responsabilidade directa, como é o caso dos comedores dos centros educativos, hospitais, etc.

 

Á actitude mostrada por Medio Rural haberemos de suma-la falta de resposta das consellarías de Sanidade e Medio Ambiente, coas cales a PGA solicitou iniciar contactos fai xa unha semana, non habendo resposta por parte de devantitos organismos até este momento. Porén, perante da pasividade, e mesmo permisividade, mostrada pela Administración ao respecto da contaminación transxénica do noso agro, a Plataforma Galega Antitransxénicos inicia nesta semana unha campaña de envíos masivos de mocións aos grupos de goberno de tódolos concellos de Galiza solicitando a declaración coma zona libre de transxénicos de cada unha de estas unidades territoriais, na procura da declaración ZLT para a maior superficie posíbel do País. Asemade, aproveitamos este contacto para transmitirmos os nosos parabéns a os concellos d´ O Irixo (25 de abril) e O Carballiño (28 de abril), declarados recentemente zonas libres de transxénicos (ZLT), sendo ademáis, no caso d´O Irixo, unha iniciativa aprobada por tódolos partidos políticos. Canda Lalín (4 de marzo), son xa tres os concellos da Galiza que acadaron a declaración de zona libre de transxénicos.

 

proxecto fiare galiza