Rede de intercambio en Redondela

A Asociación de Consumo Responsábel Loaira de Redondela ven de poñer en marcha unha rede de intercambio  que pretende ofrecer un xeito alternativo de aprender e relacionarse coa xente da vila.

A motivación que nutre esta rede de intercambio é o convencemento de que tod@s somos donos dun saber que pode resultar interesante ós demais, e que podemos transmitir doadamente, trocando. Na rede de intercambio de coñecementos a moeda é o saber. Non se trata, polo tanto, dun intercambio monetario, senón dun troco de tempo e intereses, sendo todos valorados por igual, desde unhas clases de cociña ata unhas leccións de informática.

A flexibilidade desta rede convértese no pretexto ideal para mudar a inercia que nos coloca no escenario cultural da vila, case sempre do lado do espectador e non do protagonista. Nesta rede compartimos o que sabemos ou o que nos gusta acordando un lugar, un horario, a frecuencia, os contidos… e todos e todas somos alumn@s e profesores alternativamente, construíndo un espazo de cultura participativa.

A rede de intercambio de coñecementos está aberta a quen queira participar de xeito voluntario e de balde. O noso obxectivo é tecer unha rede social e cultural que acolla ós diferentes colectivos da vila, converténdose nun proxecto interxeracional e intercultural, que integre xentes de distintas idades e procedencias. 

Obxectivos principais:

-   Provocar unha reflexión sobre o consumo desmedido da sociedade en que vivimos para cuestionarnos cales son as nosas verdadeiras necesidades.

-   Fomentar, na medida do posible, unha cultura do intercambio non monetario baseada no troco como unha opción a considerar na nosa vida cotiá.

-   Favorecer a integración e o trato das distintas nacionalidades de inmigrantes afincadas na vila.

-   Dinamizar o contexto intercultural da vila como fonte de enriquecemento persoal para @s redondelás.

-   Promover a dimensión interxeracional do proxecto abrindo a iniciativa a persoas de tódalas idades facendo fincapé nas persoas maiores.

-   Recuperar o valor da transmisión oral e o intercambio de coñecementos achegando as súas experiencias á realidade da xuventude de Redondela.

-   Reflexionar sobre as capacidades persoais que poderían ser de utilidade á aqueles que nos rodean.

-   Fomentar a participación activa da cidadanía nun proxecto que busca restaurar o noso papel protagonista na creación e dinamización cultural da vila.

Que se pode trocar?

Existen tantas posibilidades de troco, como ideas se nos ocorran. A continuación e simplemente co motivo de dar ideas, axuntamos por

categorías, unha relación de actividades que actualmente se ofrecen noutras redes de intercambio.

-   Artes, Letras, Cultura xeral

Conversa cinematográfica/literaria/histórica
      *   Visitas a museos
      *   Deseño/pintura
      *   Saídas culturais
      *   Ir ao teatro/cine
      *
-   Informática

  Iniciación á informática
      *   Iniciación a internet
      *   Axuda nas buscas en internet
      *   Word/Excel
      *   Software libre
      *
-   Linguas

  Inglés (todos os niveis)
      *   Inglés conversa
      *   Francés
      *   Portugués
      *   Árabe
      *   Chino
      *   Caligrafía china
      *   Galego/Español lingua estranxeira
      *
-   Xogos/Lecer

  Cartas
      *   Xadrez
      *   Xogos de mesa
      *
-   Saúde/benestar/deporte

  Ioga
      *   Quedar para correr
      *   Quedar para andar
      *   Fútbol
      *   Ximnasia de mantemento
      *   Técnicas de relaxación
      *   Quedar para ir a piscina
      *   Footing
      *
-   Actividades manuais

  Costura
      *   Calceta
      *   Cociña
      *   Bricolaxe
      *   Técnicas de estudo
      *   Fotografía
      *   Xardinería
      *   Etc.
      *
-   Outros

  Música (tocar un instrumento)
      *   Solfeo
      *   Calquera outra posibilidade que se vos ocorra
      *

Como funciona?

Toda aquela persoa que queira participar desta rede de intercambio, enviará un correo electrónico a seguinte dirección trocoredondela@gmail.com, onde indicara os seus datos, así como, a actividade que lle gustaría demandar e ofertar. No caso de que a persoa interesada, non se lle ocorra ningunha actividade para ofertar ou demandar, esta enviará igualmente un correo electrónico e dende a rede nos poremos en contacto con ela para ver as posibilidades.

Todo o mundo que entre na rede de intercambio deberá ofertar ao menos algunha cousa, para posteriormente recibir aquela ou aquelas actividades nas que estea interesado.

Como se enteira un/ha, das ofertas e demandas existentes na rede?

Mensualmente, a rede enviará un correo electrónico aos seus usuari@s, coas actividades ofertadas e demandadas así como os datos para contactar cos interesad@s. A frecuencia, contido e o lugar das actividades acordaranse entre a persoa responsable da actividade e @s interesad@s en participar na mesma. 

Se tes algunha dúbida

Envíaa por correo electrónico a trocoredondela@gmail.com e responderémoscha tan pronto como nos sexa posible. Tamén podes contactar con nós a través de facebook “trocoredondela”.

 

 

proxecto fiare galiza