Recoñecemento Social 2013

A Cooperativa, Consumo Consciente Árbore premia anualmente a través do Recoñecemento Social a labor de colectivos e persoas que traballan a prol dun consumo consciente e polo tanto de unha produción respectuosa co medio e coas persoas. Este ano, na súa II Edición, foi recoñecida a labor do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (GIEEA) da Universidade de Vigo.

Este grupo de investigación traballa no ámbito da formación, o asesoramento a empresas e colectivos, a investigación e publicacións, relacionado todo coa agroecoloxía, que abarca traballos agrícolas, gandeiros e de xestións dos montes. O GIEEA está organizando nestes momentos o V Congreso Internacional de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica que terá lugar no mes de xuño de 2014 na cidade de Vigo e que xirará ao redor da temática referida a “propostas agroecolóxicas ao industrialismo”.

 

A entrega da sobreira, emblema do Recoñecemento Social que concede Árbore, Cooperativa de Consumo Consciente, realizouse durante a XXVI Asemblea desta, e á mesma asistiron dous dos integrantes do GIEEA, Xavier Simón e Damián Copena. Na imaxe pódese ver o momento da entrega cos dous representantes do grupo de investigación e o presidente de Árbore.

 

proxecto fiare galiza