¿Qué é unha cooperativa?

A cooperativa é unha sociedade de capital variable que, a través do exercicio de actividades socioeconómicas, desenvolve unha empresa de propiedade conxunta de todos os socios. A súa finalidade consiste en prestar servizos e satisfacer necesidades e aspiracións dos seus socios, mediante a súa participación activa e en interese pola comunidade. Contan cunha estrutura e xestión democráticas, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, distribuíndose os resultados económicos en función da actividade cooperativizada realizada.


Calquera actividade económico-social poderá desenvolverse mediante unha sociedade cooperativa. As cooperativas teñen que axustarse no seu funcionamento aos principios formulados pola Alianza Cooperativa Internacional:

I. Adhesión voluntaria e aberta As cooperativas son organizacións voluntarias, abertas a todas as persoas capaces de utilizar os seus servizos e dispostas a aceptar as responsabilidades de ser socio, sen discriminación social, política, relixiosa, racial ou de sexo.

II. Xestión democrática por parte dos Socios As cooperativas son organizacións xestionadas democraticamente polos socios, que participan activamente na fixación das súas políticas e na toma de decisións. Os homes e mulleres elixidos para representar e xestionar as cooperativas son responsables ante os socios. As cooperativas están organizadas de xeito democrático.

III. Participación económica dos socios Os socios contribúen equitativamente ao capital das súas cooperativas e xestionan de xeito democrático. Polo menos unha parte dos activos é por regra xeral, propiedade común da cooperativa. Normalmente reciben unha compensación, se existe, limitada sobre o capital entregado como condición para ser socio. Os socios asignan os excedentes para todos ou algún dos seguintes fins: ao desenvolvemento da cooperativa, á constitución de reservas, das que, polo menos unha parte sería indivisible, ao beneficio dos socios en proporción ás súas operacións coa cooperativa, e co apoio doutras actividades aprobadas polos socios.

IV. Autonomía e independencia As cooperativas son organizacións autónomas de autoaxuda, xestionadas polos seus socios. Se asinan acordos con outras organizacións, incluídos os gobernos, ou se acadan capital de fontes externas, fano en termos que aseguren o control democrático por parte dos seus socios e manteñan a súa autonomía cooperativa.

V. Educación, formación e información As cooperativas proporcionan educación e formación aos socios, aos representantes elixidos, aos directivos e aos empregados para que poidan contribuír de xeito eficaz ao desenvolvemento das súas cooperativas. Informan ao gran público, especialmente á mocidade e aos lideres de opinión, da natureza e beneficios da cooperativa.

VI. Cooperación entre cooperativas As cooperativas serven aos seus socios o máis eficazmente posible e fortalecen o movemento cooperativo traballando conxuntamente mediante estruturas locais, nacionais, rexionais e internacionais.

VII. Interese pola comunidade Ao mesmo tempo que se centran nas necesidades e nos desexos dos socios, as cooperativas traballan para acadar o desenvolvemento sostido das súas comunidades segundo os criterios aprobados polos socios.

 

proxecto fiare galiza