Os grandes mitos das grandes superficies

hipermercado

O modelo de consumo que implican as Grandes Superficies non é nin social nin ambientalmente sustentábel. Por iso, é importante sinalar que algúns dos supostos beneficios que estes establecementos reportan aos consumidores son só mitos.

Malia o que sinala a publicidade, a oferta cultural, de lecer e de actividades nas Grandes Superficies é moi limitada e de pouca calidade se a comparamos co que ofrece unha cidade de tamaño medio. Algo semellante ocorre coa suposta variedade de produtos que o consumidor atopa nestes establecementos, posto que en realidade proveñen dunhas poucas multinacionais do sector e dunha industria que, baixo a aparente diversidade dos estantes, ofrece sempre unha base homoxénea dos ingredientes máis rendibles...

Por iso, os produtos frescos cada vez son máis escasos nas Grandes Superficies e, ademais, máis caros que noutro tipo de establecementos. Por exemplo, calcúlase que as froitas e as verduras son un 16% máis caras nos grandes supermercados que nos comercios especializados. Debido a que os pratos precociñados e os produtos enlatados supoñen xa case o 40% da súa oferta en alimentación, as Grandes Superficies apostan cada vez máis por un modelo alimentario pouco saudábel, por exemplo, que abusa do aceite de palma, a segunda graxa máis producida do mundo, e unha das máis prexudiciais para a saúde cardiovascular: a súa proporción dos nocivos acedos grasos saturados alcanza nada menos que o 50%, catro veces máis que a típica dos aceites de oliva ou girasol. Nos pratos precociñados, aperitivos e bolaría industrial, até o 45% das graxas son deste tipo.

Estes espazos, estudados ao detalle para aumentar as vendas ao máximo, non son tan baratos como en realidade pensa o consumidor, posto que, en realidade, non contabiliza os custos do desprazamento (normalmente en automóbil privado) nin o gasto engadido que se adoita facer (o psicólogo especialista en consumo Javier Garcés calcula que nas Grandes Superficies o consumidor adquire de media un 20% máis do que tiña previsto).

Malia que as Grandes Superficies tamén parecen ser unha solución á falta de tempo na nosa sociedade, en realidade tampouco se contabiliza o tempo de transporte até alí, as colas para pagar ou o tempo que perdemos percorrendo os seus corredores e mirando produtos. E, en todo caso, os horarios excepcionais que ofrecen as Grandes Superficies susténtanse na precariedade laboral dos seus traballadores: quendas máis longas e menos vacacións, salarios mínimos e deterioración dos seus dereitos laborais.

En canto á reordenación do espazo urbano, o actual modelo de crecemento urbanístico privilexia ás Grandes Superficies como opción de compra e como centro de lecer, así que o pequeno comercio, con todos os beneficios que este ofrece ao consumidor e á economía local, vese ameazado.

Sobre todo, comprar nunha Gran Superficie é apostar por un modelo social e ambiental insustentábel, profundando no sistema de sobreproducción neoliberal que tantas inxustizas sociais e desequilibrios ambientais leva. As Grandes Superficies destrúen a actividade económica local, crean empregos de baixa calidade e deslocalizan a produción, fan dependentes aos produtores do Sur á vez que maximizan os beneficios de moitas grandes multinacionais. Tamén fomentan un modelo de transporte contaminante e son protagonistas destacados da reordenación especulativa do territorio.

Para profundar máis, podes ler o artigo extenso sobre as Grandes Superficies no que se basea este texto