O consumo consciente: Ferramenta de transformación social

Un ciclo de actividades de Loaira mostra que a transformación social é posíbel

Unha mesa redonda, un documental e unha conferencia completan un ciclo organizado pola Asociación de Consumo Responsábel Loaira. Diversos temáticas e experiencias contribúen a repensar a nosa relación co medio.
 
            O venres 4 de febreiro, ás 20:30h no Multiusos da Xunqueira de Redondela, terá lugar a mesa redonda:

            “Consumo responsábel, ferramenta de transformación” coa presenza de Xabier Rodríguez da Cooperativa de Consumo Consciente Árbore, Belén Fervenza, labrega de Horta do Cadaval e Chus Diéguez, de Loaira.

            O xoves 17, ás 20:30 no Multiúsos da Xunqueira, proxectaremos o documental "A Nova Aldea", de Carlos Oro. Diferentes historias arredor de iniciativas orixinais amosan que vivir no rural e achegados á natureza é posíbel.

            O venres 25, desta vez ás 20:00h na Casa da Torre, remataremos coa conferencia: “A horticultura urbana da Galiza”.a cargo de Ramón Paz, da Asociación Galega de Horticultura Urbana. Vivir nun entorno urbano non significa ter que renunciar á actividade agrícola. Na charla poderemos coñecer mellor diversas experiencias de cultivos no país.

A Asociación Loaira entende o consumo como algo máis que unha actividade necesaria para o sustento vital. O consumo é unha ferramenta de transformación social ao alcance de toda persoa. Converter esta actividade en ferramenta é tan doado como pensar nel desde a responsabilidade ambiental, social, económica e cultural. Alén das actividades quincenais de distribución de alimentos e produtos cotiáns de procedencia ecolóxica aos seus socios, Loaira activa liñas de divulgación e debate público das súas premisas ideolóxicas. Con esta intención, a asociación ofrece un mes de febreiro de actividades nas que se mostra que a transformación social máis do que un horizonte, é unha posibilidade.

            As actividades pretenden fomentar o debate mostrando a posibilidade real de mudar hábitos, criterios, valores, inxustizas e relacións na nosa sociedade. A transformación social é un longo camiño ao que Loaira suma máis un pequeno contributo.

 

proxecto fiare galiza