Mulleres de millo

Nos países do Sur, as mulleres son as principais produtoras de comida, as encargadas de traballar a terra, manter as sementes, colleitar os froitos, conseguir auga...... Entre un 60 e un 80% da  produción de alimentos nestes países recae nas mulleres, un 50% a nivel mundial. Estas son as principais produtoras de cultivos básicos como o arroz, o trigo e o millo, que alimentan ás poboacións máis empobrecidas do Sur global. Pero a pesar do seu papel crave na agricultura e na alimentación, elas son, xunto aos nenos e nenas, as máis afectadas pola fame.

As mulleres campesiñas responsabilizáronse, durante séculos,  das tarefas domésticas, do coidado das persoas, da alimentación das súas familias, do cultivo para o auto-consumo e a comercialización dalgúns excedentes das súas hortas, cargando co traballo reprodutivo, produtivo e comunitario, e ocupando unha esfera privada e invisible.  En cambio, as principais transaccións económicas agrícolas estiveron, tradicionalmente, levadas a cabo polos homes, nas feiras, coa compra e venda de animais, a comercialización de grandes cantidades de cereais... ocupando a esfera pública campesiña.

Esta división de roles asigna ás mulleres o coidado da casa, da saúde, da educación e das súas familias e outorga aos homes o manexo da terra e da maquinaria, en definitiva da técnica, e mantén intactos os papeis asignados como masculinos e femininos, e que durante séculos, e aínda hoxe, perduran nas nosas sociedades

Con todo, en moitas rexións do Sur global, en América Latina, África subsahariana e sur de Asia, existe unha notable feminización do traballo agrícola asalariado. Entre 1994 e 2000, as mulleres ocuparon un 83% dos novos empregos no sector da exportación agrícola non tradicional. Pero esta dinámica vai acompañada dunha marcada división de xénero: nas plantacións as mulleres realizan as tarefas non cualificadas, como a recollida e o empaquetado, mentres que os homes levan a cabo a colleita e a plantación.

Esta incorporación da muller ao ámbito laboral remunerado implica unha dobre carga de traballo para as mulleres, quen seguen levando a cabo o coidado dos seus familiares á vez que traballan para obter ingresos, maioritariamente, en empregos precarios. Estas contan cunhas condicións laborais peores que as dos seus compañeiros recibindo unha remuneración económica inferior polas mesmas tarefas e tendo que traballar máis tempo para percibir os mesmos ingresos

Outra dificultade é o acceso á terra. En varios países do Sur, as leis prohíbenlles este dereito e naqueles onde legalmente téñeno as tradicións e as prácticas impídenlles dispor delas. Pero esta problemática non só se dá no Sur global. En Europa, moitas campesiñas non teñen recoñecidos os seus dereitos, xa que a pesar de traballar nas explotacións, igual que os seus compañeiros, a titularidade da leira, o pago da seguridade social, etc. téñeno, habitualmente, os homes. En consecuencia, as mulleres, chegada a hora da xubilación, non contan con pensión algunha, non teñen dereitos a axudas, cotas, etc.

O afundimento do campo nos países do Sur e a intensificación da migración cara ás cidades provocou un proceso de descampesinización. As mulleres son un compoñente esencial destes fluxos migratorios, nacionais e internacionais, que provocan a desarticulación e o abandono das familias, da terra e dos procesos de produción, á vez que aumentan a carga familiar e comunitaria das mulleres que quedan. En Europa, Estados Unidos, Canadá... as mulleres migrantes, acaban asumindo traballos que anos atrás realizaban as mulleres autóctonas, reproducindo unha espiral de opresión, carga e invisibilización dos coidados e externalizando os seus custos sociais e económicos ás comunidades de orixe das mulleres migrantes.

A incapacidade para resolver a actual crise dos coidados nos países occidentais, froito da incorporación masiva das mulleres ao mercado laboral, o envellecemento da poboación e a nula resposta por parte do Estado a estas necesidades, leva a importación masiva de man de obra feminina dos países do Sur global, destinada ao traballo doméstico e de coidado remunerado.

Fronte a este modelo agrícola neoliberal, intensivo e insustentable, que se demostrou totalmente incapaz de satisfacer as necesidades alimentarias das persoas e o respecto á natureza, e que é especialmente virulento coas mulleres, exponse a paradigma alternativo da soberanía alimentaria. Trátase de recuperar o noso dereito a decidir sobre que, como e onde se produce aquilo que comemos; que a terra, a auga, as sementes estean en mans das e os campesiños; de combater o monopolio ao longo da cadea agroalimentaria.

E é necesario que esta soberanía alimentaria sexa profundamente feminista e internacionalista, xa que a súa consecución só será posible a partir da plena igualdade entre homes e mulleres e o libre acceso aos medios de produción, distribución e consumo de alimentos, así como a partir da solidariedade entre os pobos, lonxe das proclamas chovinistas de "primeiro o noso".

Hai que reivindicar o papel das campesiñas na produción agrícola e alimentaria e recoñecer o papel das mulleres de millo, aquelas que traballan a terra. Facer visible, o invisible. E promover alianzas entre mulleres rurais e urbanas, do Norte e do Sur. Globalizar as resistencias... en feminino.

+ info: http://esthervivas.wordpress.com

 

proxecto fiare galiza