Moda xusta e ecolóxica en Galicia

A deseñadora María Almazán, socia da cooperativa, lanzou este verán a súa colección de roupa feminina, masculina e infantil confeccionada con algodón orgánico e liño libres de pesticidas, nun proceso no que o respecto polos dereitos dos traballadores está garantido.

Respectuosa co medio, coa saúde e cos dereitos dos traballadores. Este é a marca que diferencia a roupa da deseñadora María Almazán, que dende o seu taller de Gondomar lles proporciona ós consumidores unha alternativa á roupa de "usar e tirar" das multinacionais téxtiles. Algodón orgánico e liño libres de pesticidas e transxénicos e adornadas con materiais reciclados son o piar fundamental dunhas pezas ideadas e confeccionadas por ela mesma. Á venda dende hai un ano no seu blogtejidosecologicos.blogspot.com, a colección de primavera-verán feminina, masculina e infantil foi presentada onte no local da ONG Amarante en Compostela, co que a deseñadora estableceu unha estreita colaboración no marco da súa campaña Roupa limpa.

O medio non é o único beneficiado polo proxecto desta moza emprendedora que, tras anos traballando no departamento de compras dunha grande empresa, decidiu rachar con todo e aproveitar o seu labor para potenciar o consumo consciente. "As grandes compañías recorren a países sen infraestruturas, con fábricas que caen e con condicións laborais infrahumanas cun único obxectivo: abaratar custos", asegura María, que puido comprobarin situ o lado máis escuro da moda. "Ver aquelas persoas cosendo no chan de pisos sen luz nin ventilación durante máis de dez horas faiche reformular moitas cousas", asegura María, para quen as visitas ós talleres téxtiles da India se converteron nunha auténtica lección de vida. O choque máis grande: pasar de ver rapaces de 15 anos ou menos cosendo sentados nun taburete durante máis de dez horas as pezas que os mesmos adolescentes na outra parte do mundo mercarán compulsivamente, levados pola moda do usar e tirar. "Estas duras condicións laborais non lles serven ás comunidades para saír adiante, xa que unha vez que ser organizan e reivindican melloras para prosperar, as empresas deixan de traballar con eles", explica María, quen denuncia como as multinacionais presionan cada vez máis para que ningúen visite os talleres e seguir así ocultando a cara máis fea deste mundo. Desterrar estas malas prácticas é, a día de hoxe, case unha utopía. Atopar uns provedores de tecidos xustos e ecolóxicos foi unha tarefa tan complicada que case fai desistir a María no seu intento por facer outro tipo de moda. Finalmente, a organización de comercio xusto Fairtrade púxoa en contacto cun matrimonio inglés que montou unha cooperativa local na India de produción de algodón orgánico, que inclúe dende o cultivo ecolóxico ós teares onde as condicións laborais son respectadas.

O resultado de todo este esforzo son unhas pezas que, en aparencia, non se diferencian das presentes no mercado pero que contribúen a un mundo máis xusto e ecolóxico. Así o entenden os numerosos clientes que xa se visten coas pezas de María Almazán, que se mostra sorprendida da enorme conciencia ecolóxica que existe na nosa comunidade. "Galicia está á vangarda, cunha sociedade moito máis concienciada que noutras cidades como Barcelona", destaca esta moza metade de Soria e metade de Madrid. De feito, os seus principais compradores son "xente consciente e madura, consumidores habituais de agricultura ecolóxica e que agora dan un paso máis no téxtil". Ademais, María foxe das tallas convencionais, facendo pezas adaptables a cada corpo, que leve á xente a trocar o "merco no que caibo" por "merco o que me gusta".

Crear unha rede de xastres "verdes"

A Alternativa téxtil de María é unha iniciativa pioneira na comunidade, que a deseñadora afincada en Gondomar espera ver medrar en pouco tempo. Responsable de numerosos cursos de patronaxe e confección, María está en contacto con outros deseñadores ós que xa lles facilitou os seus materiais xustos e ecolóxicos co obxectivo de estender esta tendencia e crear unha verdadeira alternativa verde.

"Quedadas" e tendas propias

Ademais do blog, as pezas da colección primavera-verán poderán mercarse nas tendas que Amarante ten en diversas cidades galegas, así como noutras tendas específicas nas que María xa acordou introducir a súa roupa de forma permanente. Non obstante, na súa cabeza está a idea de organizar cada certo tempo "quedadas" en diversos puntos de Galicia onde poder ofrecer a súa roupa e a súa testemuña.

 

 

proxecto fiare galiza