Foro sobre o sector dos alimentos ecolóxicos

Artigo de Xan Martínez, presidente da cooperativa de consumo A Xoaninha,

a referencia do Foro sobre o sector dos alimentos ecolóxico, organizado pola Fundación CETAL o 9 de febreiro:

Alí estivemos todo o día distintas
persoas relacionadas co sector: produtores de lácteos, carnes, ovos e
mel, representantes empresas elaboradoras e representantes da Gran
Distribución (Gadisa e Eroski). O público tamén participou activamente,
pois asistían persoas con experiencia no sector... foi unha xuntanza de
alto nivel no que se refire a coñecemento da situación do sector.

Coido que unha das principais conclusións que sacamos
de alí -entre outras- é que, debido ao pequeno volume da produción
galega (sobre todo en horta), a Gran Distribución non constitúe
ningunha solución para o desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica
galega.

Falaba co responsable dunha pequena envasadora de
Pontevedra que me contaba que o seu principal problema é o
abastecemento de produto fresco. Imposible plantexar a curto ou medio
prazo un abastecemento de dimensión maior.

Eu plantexei alí o valor das organizacións de
consumidores como catalizadoras do desenvolvemento do agro ecolóxico
galego: A día de hoxe somos os que movemos este sub-sector da
Agricultura Ecolóxica galega, os que máis facturamos en conxunto en
horta, e os máis rentables por metro cadrado de superficie.

Ninguén o discutíu, e incluso o moderador e os
asistentes suliñaron a importancia actual desta canle de
comercialización. Ao remate recibín abondosos parabens pola iniciativa
á que eu estaba alí a representar.

Pero eu teño dúas magoas:

Unha é a falta de consciencia do público en xeral.
Somos incapaces -autocrítica- de transmitir a importancia que ten o
sector que promovemos para a sociedade (autosuficiencia alimentaria,
ademáis do medio ambiente, saúde, etc). Deberíamos ser máis, pero sobre
todo deberíamos ser máis activos co noso acto de consumo. Os que xa
somos deberíamos tirar máis do carro, tanto co noso consumo como coa
difusión que facemos das estructuras das que formamos parte. É doado de
explicar que ningunha outra canle xenera tanta riqueza para nós mesmos,
e que cando mercamos na Gran Distribución a meirande parte dos cartos
que pagamos marchan lonxe, e os poucos que quedan só sirven para pagar
malos traballos e financiar un sistema que está a conducir a un pozo o
planeta enteiro. Quen necesite cifras para argumentar que me mande un
correo.

A outra magoa que teño é nosa incapacidade -segunda
autocrítica- para transmitir ás novas organizacións que empezan (penso
na Cooperativa Eirado -Compostela-, concretamente) a necesidade de
medrar, a importancia de achegarse a máis e máis xente, de cumplir
cunha función social importantísima hoxe en día, de difusión deste
sector, e de dar facilidades á cidadanía para que se achegue. Temos a
función de abrir camiño, de facer patente unha demanda para chegar a
xenerar a oferta desde o local -que traer, por exemplo, unha conserva
de Navarra sexa unha fase o máis corta posible, ate que aquí fagamos as
boas conservas que xa se están a demandar!! Estamos a crear unha
economía localizada, oposta á economía do gran capital.

As grandes superficies non van tirar dos labregos
galegos; as tendas privadas-iniciativas loables e necesarias cáseque
sempre- non dispoñen dos recursos dos que se dispón desde as
iniciativas colectivas como asociacións e cooperativas -aportamos
recursos humanos que son os que máis importan: o coñecemento colectivo-
para achegarse á cidadanía, velaí os exemplos de Árbore e Xoaniña; e,
por último, a maneira que temos de funcionar é importantísima hoxe en
día porque, en plena crise deste sistema capitalista insostible,
aportamos unha alternativa VIABLE desde a Economía Social, unha maneira
de facer economía baseada nas persoas, non no capital, e baseada na
cooperación, non na competencia. Dígasenos VIABLES, que non somos
competitivos, ollo!!.

 

proxecto fiare galiza