Xornadas reivindicativas do producto caseiro

26 de setembro, en Fontiñas, xornada reivindicativa do producto caseiro

Haberá tamén un mercado de productos caseiros frescos e transformados.

Organizamos esta xornada porque pensamos que o produto caseiro, é un patrimonio que as galegas e os galegos non podemos perder, nin deixar que malas decisións das administracións llo entreguen ás industrias.

Tamén é un recurso económico importante para moitas explotacións, sobre todo para as máis pequenas, que ademais maioritariamente están en mans de mulleres.

¿Qué é o producto caseiro?

O produto caseiro, xa sexa fresco ou transformado é aquel que procede directamente das explotacións e que se ofrece á cidadanía sen ningunha manipulación que non fose feita pola propia labrega ou polo propio labrego que o produce ou o transforma. Normalmente a venda faina directamente quen o produce, xa sexa á persoa que o vai comer ou a

pequenas tendas locais.

Este produto que tradicionalmente proviña do excedente das propias explotacións, tiña e ten unha calidade extraordinaria, pola forma de producilo, pola frescura coa chega a través dos circuitos curtos de comercialización e polo bon facer no transformado desas mulleres que elaboraban con esmero as conservas para alimentar as propias familias durante o ano.

Este mercado, foi é segue a ser cada día máis cobizado polas empresas de transformación e comercialización de alimentos. Froito da presión que exercen sobre os gobernos, conseguiron que estes lexislen para dificultar que os labregos e as labregas poidamos vender estes nosos productos. A normativa que se nos aplica é a mesma que se lle aplica ás grandes empresas, esto mália que nós nunca fomos os responsábeis da inseguridade, nin de graves nin grandes intoxicacións alimentarias.

¿Por qué esta xornada e este mercado agora?

A Consellería do Medio Rural, está elaborando un Decreto co que pretende regular o produto caseiro. No SLG, entendemos que este é un momento importante e, que dependendo de como sexan as normas que estableza este decreto, no futuro as explotacións poderemos vender normalmente o noso produto caseiro ou, perder definitivamente este dereito, como aconteceu no seu día coa augardente. As explotacións que fan viño perderon un complemento importante vía venda de augardente e, a cidadanía perdeu o dereito á pinga caseira, de consumo tan habitual co café nos bares. Eso sí no canto da augardente caseira, apareceu legalmente a producida por empresas.

Hoxe, máis que nunca, cando o neoliberalismo pretende controlar e uniformizar as culturas alimentarias en todo o mundo; cando o que se pretende e someter á cidadanía productora e consumidora aos seus intereses exclusivos; cando os gobernos inclinan, máis e máis a balanza para favorecer este control, é necesario que a cidadanía defendamos os produtos caseiros como un patrimonio do pobo galego. Que as labregas e os labregos, podamos seguir vendendo os productos que temos nas nosas casas.

Compre impedir que a lexislación lle permita as empresas transformadoras apropiarse do prestixio que ten o produto caseiro, grazas ao noso saber facer e, que se legalice que as empresas podan elaborar e vender un falso caseiro, pois o caseiro só pode ser feito por nós e nas nosas casas. Que as persoas poidamos ter á nosa disposición o produto caseiro

Nesta xornada participarán veterinarios, veterinarias, labregos e labregas de outros estados, como Francia, Italia que nos permitirá saber cal é a realidade do caseiro nestes lugares. Darase a coñecer tamén o decreto que está elaborando a Consellería do Medio Rural.

Ao mesmo tempo e no exterior do local no que se farán as charlas, organizamos un mercado de produto caseiro fresco e transformado. Convidamosvos a participar nesta iniciativa, tanto dende a perspectiva labrega como de cidadanía interesada en manter este patrimonio que temos e, que aínda hoxe permite que un número de persoas, sobre todo mulleres, poidan vivir nunha explotación agraria na Galiza.

 

proxecto fiare galiza