Xornadas internacionais de Economía Social de Vivenda e credito en Vigo

O día 21 e 22 de Novembro terá lugar a celebración das XORNADAS INTERNACIONAIS DE ECONOMIA SOCIAL DE VIVENDA E CREDITO.

Estas xornadas son organizadas entre a CIG e SINERXIA ao abeiro da liña de cooperación que están a levar a cabo as duas organizacións no ámbito da difusión da Economía social e solidária en Galiza, e que xa se concretou nunhas xornadas no mes de Xuño con experiencias internacionais da economía social no ámbito do traballo e o consumo.

Para as entidades organizadoras estas xornadas concibímolas como unha oportunidade de dar a coñecer os valores do cooperativismo e a nosa contribución á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Tamén constitúen unha boa ocasión para compartir experiencias e reflexións entre o cooperativismo, o movemento sindical, técnicas e responsábeis municipais de áreas de desenvolvemento local, investigadoras e con todas aquelas persoas interesadas na economía social.

As xornadas serán unha mostra de diversas experiencias cooperativas, en materia de vivenda e crédito, de diferentes países do mundo (Uruguai, Cataluña, Euskadi, Portugal, Galiza e Italia).

Trátase de poñer en valor diferentes experiencias, abordar as súas dificultades, as formas de saír delas, e o que o movemento cooperativo significa en canto á súa identidade común. Por iso facémosche un convite moi especial para que participes nas mesmas.

Animámoste así mesmo a que convides a outras persoas do teu contorno que poidan estar interesadas en coñecer mellor o cooperativismo. Axuntamos o programa.

Para pre-inscribirte tan só tes que enviarnos canto antes un correo electrónico a vivendaecredito@gmail.com indicando o teu nome, teléfono, enderezo electrónico e entidade á que pertences. Podes pre-inscribirte tamén nos teléfonos 986 896 526 (SINERXIA) 986 82 79 48 (CIG). As prazas, dado o aforo limitado, asignaranse por rigorosa orde de solicitude.

 

proxecto fiare galiza