¿ONDE VAS PASAR O NADAL?

Máis de 300 persoas en Vigo o pasarán na rúa...

A Rede Social Galicia Sur convoca un acto de rúa para sensibilizar á cidadanía viguesa ante a situación de máis de 300 persoas persoas que viven sen teito e que pasarán un inverno máis na rúa.

Coa proximidade das festas do nadal a Rede Social Galicia Sur (plataforma que aglutina a mais de 20 organizacións de Vigo e comarca que traballan tanto nos países do Sur como en Galicia pola xustiza social e por acadar un mundo máis xusto, equitativo e sostible para toda a cidadanía) quere chamar a atención unha vez máis sobre a situación de moitas persoas en Vigo que pasarán o inverno, un inverno máis, na rúa.

Por iso a Rede Social Galicia Sur convoca o vindeiro xoves 18 de decembro entre as 18:30 e 20:30 horas un acto de rúa, consistente na sensibilización á cidadanía mediante o reparto dunha postal e un chocolate quente na Praza do Emigrante (ao comezo da Avda. de Castelao, na Praza de América)  para chamar a atención e provocar a reflexión da cidadanía viguesa fronte os seguintes feitos:

- En Vigo hai preto de 300 persoas que están na rúa, que teñen dificultades para acceder ao dereito dunha vivenda digna e adecuada como primeiro paso para tecer vínculos e redes sociais positivas e camiñar na recuperación da identidade e dignidade persoal

- Os poucos recursos que existen na nosa cidade para atender a este colectivo son de carácter privado e non alcanzan a atender á demanda existente e non hai recursos públicos que dean resposta as necesidades reais e urxentes deste colectivo na cidade de Vigo

Por isto esiximos:

O cumprimento nos prazos indicados pola Vicepresidencia de Xunta sobre a posta en marcha dun Centro de Emerxencia social e Albergue público en Vigo, que poida prestar servizos que cobran as necesidades tanto de teito e subsistencia como de acollida e creación dun espazo de participación das persoas sen fogar na sociedade e na vida comunitaria, co apoio dos distintos axentes sociais, para traballar a reconstrución psicosocial, a autonomía persoal e a adquisición de hábitos sociais.

Dar resposta a necesidade das persoas que viven na rúa habilitando un espazo para pernoctar, mentres o citado centro non estea en marcha, que as protexa do frío e das inclemencias meteorolóxicas do inverno.

Por un Albergue e Centro de emerxencia social público para Vigo XA!

As organizacións que forman parte da Rede Social Galicia Sur e que apoian esta acción son:

Amarante, Aida, Axuda en Acción, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, Comité Oscar Romero, Dar Máis, Educación Sen fronteiras, Emaús Fundación Social, Entreculturas, Enxeñería sen fronteiras, Fundación Balms, Fundación Proclade, Fundación Secretariado Xitano, Grupo VIH/SIDA e adiccións “O Imán”- Sereos, Implicad@s no desenvolvemento, Intermón Oxfam, Médicos do Mundo, MunDos Cooperativa de Comercio Xusto, Seminario Galego de Educación para a Paz, Solidariedade Internacional, Solidarios para o desenvolvemento, Taller de Solidariedade e Verdegaia.

 

proxecto fiare galiza