O campesiñado produce alimentos, os agrocombustibeis xeran fame e pobreza

A actual onda masiva de investimento na produción de enerxía baseada no cultivo e procesamento industrial de materias vexetais como o millo, a soia, a palma aceiteira, a cana de azucre, etc., non resolverá nen a crise climática nen a enerxética. Así mesmo, traerá desastrosas consecuencias sociais e ambientais. Cría unha nova e moi seria ameaza sobre a produción de alimentos polos pequenos campesiños e o logro da soberanía alimentaria da poboación mundial.

Durante os últimos vinte anos, as políticas neoliberais adoptadas globalmente fallaron ao respostar ás necesidades básicas das persoas. As promesas da FAO na Cimeira Mundial sobre Alimentación de 1996 e nos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio da ONU de sacar ás persoas da pobreza non se cumpriron. Moitas máis persoas están a sufrir fame.


Afírmase que os agrocombustíbeis axudarán a combater a mudanza climática. En realidade sucede o contrario. As novas plantacións de monocultivos necesarias para producir agrocombustíbeis están a incrementar as emisións de gases de efeito invernadoiro, pola masiva deforestación, pola fragmentación das terras comunais e pola drenaxe das zonas húmidas que implican. Se temos en conta o propio ciclo de produción, transformación e distribución de agrocombustíbeis, non se producen menos gases de efecto invernadoiro que cos combustíbeis fóseis, salvo nalgúns casos. Ademais, os agrocombustíbeis nunca poderán substituír aos combustíbeis fóseis. De acordo coas últimas estimacións, unicamente cubrirán o futuro incremento do consumo desde agora até 2020. Simplemente non hai suficiente terra no mundo para xerar todo o combustíbel necesario para unha sociedade industrial cuxas necesidades para transportar persoas e mercadorías están continuamente a se incrementar. A promesa dos agrocombustíbeis cría a ilusión de que podemos continuar a consumir enerxía e ata a crecer a un ritmo cada vez maior. A única resposta á ameaza da mudanza climática é reducir o uso da enerxía en todo o mundo e redirixir o mercado internacional cara aos mercados locais.

Mentres tanto, os impactos sociais e ecolóxicos dos agrocombustíbeis serán devastadores. O monocultivo e a agricultura industrial, xa sexa para agrocombustíbeis ou para calquera outra produción, están a destruír a terra, os bosques, a auga e a biodiversidade. Expulsan da súa terra ás familias labregas, homes e mulleres. Estímase que cinco millóns de campesiños foron expulsados da súa terra para criar espazo para monocultivos en Indonesia; cinco millóns en Brasil, catro en Colombia... A agricultura industrial xera moito menos emprego que a agricultura labrega sustentábel; é unha agricultura sen agricultores.

A actual expansión da produción de agrocombustíbeis contribúe para a concentración masiva de capital polos terratenentes, grandes empresas e transnacionais, provocando unha verdadeira contrarreforma agraria en todo o mundo. Ademais contribúe para incrementar a especulación nos produtos alimentares e no prezo da terra. En lugar de dedicar a terra e a auga á produción de alimentos, estes recursos estanse a dedicar a producir enerxía en forma de gasóleo ou etanol. Hoxe, os pequenos campesiños, os indíxenas, homes e mulleres, producen a imensa maioría da comida consumida en todo o mundo. Se non o previmos agora, os agrocombustíbeis ocuparán as nosas terras e a comida será aínda máis escasa e cara.

¿Quen comería agrocombustíbeis?


 
Unha nova alianza dalgúns gobernos coas grandes empresas químicas, da automoción, do petróleo e da agroindustria está a promover os agrocombustíbeis co único obxectivo de gañar diñeiro. Estas grandes empresas transnacionais manipulan a preocupación social polo cambio climático e a crise enerxética e lánzanse á produción de agrocombustibeis de maneira que manteñan e fortalezan o seu modelo produtivo agro-industrial. Fano ainda a saber que dito modelo é, en si, unha das principais causas do cambio climático, en particular polo seu consumo intenso de enerxía.

As transnacionais fortalecen e amplían o seu control tecnolóxico e de mercados sobre o sector agrario, desprazando a nosa produción labrega de alimentos baseada no emprego de sementes campesiñas, a convivencia coa biodiversidade e a enerxía proporcionada pola forza humana ou animal, elementos todos eles que usan moita menos enerxía por unidade de alimento producido e, sobretodo, menos combustíbeis fóseis.

As compañías do agronegocio saben que os agrocombustíbeis producidos a grande escala non son economicamente viábeis. A carreira cara aos agrocombustíbeis é posíbel só polos tremendos subsidios directos e indirectos dos gobernos que a promocionan e o capital especulativo que xa está a causar enormes alzas nos prezos dos alimentos.

As cifras provocan pavor xa que están a falar de millóns de hectáreas e milleiros de millóns de dólares: o goberno da India está a contemplar a plantación de 14 millóns de hectáreas con xatrofa; o Banco Interamericano de Desenvolvemento di que Brasil ten 120 millóns de hectáreas dispostas ao cultivo de agrocombustíbeis; e un lobby empresarial expón que hai 397 millóns de hectáreas dispoñíbeis en 15 países africanos. Estamos a falar de expropiacións a unha escala sen precedentes.

Mentres as corporacións transnacionais aumentan os seus beneficios económicos, a maior parte da poboación mundial non ten suficiente diñeiro para comprar comida. Estímase que os agrocombustíbeis son os responsábeis do 30% da actual crise de prezos dos alimentos.

Cando as grandes compañías transnacionais non son quen de atopar terras agrícolas para a produción de agrocombustíbeis, impón a deforestación das zonas boscosas que aínda existen no mundo e que son necesarias para o mantemento da vida na terra.

Millares de familias labregas non teñen máis alternativa que se sumar ao cultivo dos agrocombustíbeis xa que necesitan estes ingresos para subsistir até a seguinte campaña. As políticas agrícolas nacionais e internacionais impostas polas institucións financeiras internacionais e polas grandes empresas transnacionais exacerbaron a dependencia dos países en desenvolvemento, levándoos á crise alimentar, á extrema pobreza e á fame en todo o mundo. Xa que logo, estes pequenos campesiños non son culpabeis de tomar a decisión equivocada, senón que son as vítimas do actual sistema que se lles impón.

Os pequenos campesiños e os traballadores agrarios, traballando en condicións extremadamente duras con efeitos daniños para a súa saúde, con moi pobres ingresos, non teñen voz sobre o xeito en que a súa produción é utilizada. Moitas destas persoas están a traballar baixo contratos agrícolas coas grandes compañías do agronegocio, que son as que procesan, refinan e venden o produto. Xa que logo, son estas grandes empresas quen deciden canalizar estas producións cara aos combustíbeis e non ao mercado de alimentos. A suba dos prezos dos alimentos paga polos consumidores non se reflicte nos ingresos dos pequenos labregos.

Ante a crise enerxética, produción e consumo responsabeis

A produción labrega sustentábel é imprescindíbel para alimentar o mundo. A agricultura labrega sustentábel e a soberanía alimentar consomen até 80 veces menos enerxía que a agricultura industrial.

A soberanía alimentar implica primar o emprego dos recursos locais para a produción de alimentos, minimizando tanto a contía de materias primas importadas para a produción así como o seu transporte. Igualmente, a comida así producida consómese localmente, polo que o produto final non ten que viaxar lonxe. Non é lóxico comer en Europa espárragos provenientes do Altiplano, ou xudías verdes frescas procedentes de Kenia.

A través da historia da agricultura, os campesiños e campesiñas e a xente que habita os centros rurais obtiveron a enerxía das súas terras agrícolas para respostar ás súas necesidades cotidianas. As familias campesiñas están a usar aceite de coco ou de xirasol, biogás, leña, vento ou auga para xerar electricidade para o seu uso local. Estes métodos son sustentábeis e integrados dentro do ciclo de produción de alimentos nas súas terras.

É imperativo deseñar e adoptar atitudes responsábeis no consumo de alimentos e axustar o noso modo de alimentarnos, coñecendo que o modelo industrial de produción e consumo é destrutivo, mentres que o modelo baseado na produción campesiña utiliza prácticas enerxéticas responsábeis.

Por isto, A Vía Campesina continúa a súa loita contra o poder das grandes empresas transnacionais e os sistemas políticos que as apoian. A crise enerxética non debería verse como un problema isolado senón como parte de toda a crise do actual modelo de desenvolvemento, onde os beneficios teñen prioridade sobre as persoas.

No seu lugar, nós apoiamos unha agricultura de pequena escala, diversificada, centrada nas persoas con mercados locais e modos de vida saudábeis, usando menos enerxía e menos dependencia de recursos externos. As familias labregas sustentábeis cumpren a misión fundamental da agricultura: alimentar ás persoas.

Vía Campesina denuncia

O modelo neoliberal, as institucións financeiras internacionais e o capital transnacional, responsábeis directos das crises climática e alimentar.

A irresponsábel apresentación dos agrocombustíbeis como unha resposta ás crises climática e enerxética. A inmoralidade de producir agrocombustíbeis nun mundo arrasado polo fame. A pasividade da maioría das institucións enfrentadas co serio risco exposto pola chegada dos agrocombustibeis, o que implica que as poboacións urbanas e rurais non poidan nen producir nen consumir alimentos. O que estas mesmas institucións están en realidade colocando os intereses económicos das grandes empresas transnacionais por riba da alimentación e as necesidades nutricionais das mesmas persoas que teñen confiado representar e defender. O insulto de continuar a promover os agrocombustíbeis a pesar do balanzo enerxético negativo na súa produción, procesamiento e transporte. O modelo neoliberal, as institucións financeiras internacionais e o capital transnacional, responsábeis directos das crises alimentar e climática.

Vía Campesina esixe

O final das empresas impulsadas polo monocultivo baseado na produción de agrocombustibeis. Como primeiro paso, ha de ser declarada imediatamente unha moratoria internacional de cinco anos na produción, comercio e consumo de agrocombustíbeis industriais. Debe efectuarse unha avaliación en profundidade do custo social e ambiental do boom dos agrocombustíbeis e dos beneficios conseguidos polas grandes empresas transnacionais no procesamento e comercio das materias primas. A promoción e o desenvolvemento da agricultura labrega e os modelos de consumo locais e o rexeitamento do consumismo. O apoio explícito dos gobernos e das institucións ao modelo de produción e distribución de alimentos baseado na agricultura labrega sustentábel, co seu mínimo uso de enerxía, a súa capacidade para criar empregos, de respeitar a diversidade cultural e biolóxica e o seu efeito positivo contra o quecemento global (os chans férteis son o mellor camiño para capturar CO2). A reorientación das políticas agrícolas cara ás comunidades rurais sustentábeis e os modos de vida baseados na soberanía alimentar e a auténtica reforma agraria. A promoción e o desenvolvemento de modelos de consumo responsábel.

Apaguemos o lume dos agrocombustíbeis e acendamos a chama da soberanía alimentar!

fonte: vía campesiña

 

proxecto fiare galiza