A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que pregunta ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, se recibiu solicitudes de empresas multinacionais para realización de ensaios con millo transxénico en diferentes municipios de Galiza e no caso de que así fora, cal sería a posición do ministerio ao respecto.
Segundo diversas informacións, varias empresas transnacionais terían pedido ao Ministerio poder realizar ensaios con millo transxénico en diferentes municipios galegos. Demanda a deputada do BNG que o Ministerio se rexa polo “principio de cautela dado que se descoñecen os efectos medioambientais e agrarios que este tipo de prácticas teñen”.
Ademáis, resalta Davila que “hai que chamar a atención sobre o caso de Galiza con sistemas de produción agrarios coa presenza de variedades de millo autóctono, “de aí a importancia de preservar a súa pureza varietal”. Por iso, sinala, “nunha situación de coexistencia de ambos tipos de cultivo as leis deben favorecer os cultivos convencionais e tradicionais en detrimento dos modificados xeneticamente”.
A deputada do BNG pregunta ao Goberno cal é o seu dispór á declaracións de Zonas Libres de organismos modificados xeneticamente, e insta ao Executivo a modificar a lexislación existente para que os concellos poidan declarar zonas Libres de organismos modificados xeneticamente. Nesta liña, a deputada nacionalista salienta que “dentro da UE son moitas as zonas, rexións e máis de 4.500 municipios que foron declarados Zonas Libres de organismos modificados xeneticamente”.
fonte: GZnacion