[Información enviada por Ecoar]
O próximo 15 de febreiro cúmprense 40 anos do enfrontamento dxs veciñxs de As Encrobas coa Garda Civil para evitar a ocupación forzosa das súas terras por parte da empresa Lignitos de Meirama S.A. Por isto os próximos días 10 e 18 de Febreiro terán lugar respectivamente en Vigo e en A Coruña unhas xornadas tituladas “As Encrobas Unha Loita de 40 Anos” coas que dende ECOAR buscamos facer un achegamento ao que supuxo esta loita para xs veciñxs de As Encrobas. Ademais de analizar outros conflitos activos deste tipo que antepoñen o beneficio económico das grandes empresas por riba do medio ambiente e dos dereitos das persoas.
O conflito veciñal na parroquia de As Encrobas foi un proceso de resistencia complexo e longo, iniciouse cando a empresa Lignitos de Meirama S. A. merca os dereitos de explotación dunha mina de lignito. En 1975 comézanse a expropiar as fincas de distintos habitantes amparándose nun decreto franquista. En agosto de 1976, despois de que os altercados chegaran á prensa, coa frase “a terra é nosa e non de Fenosa” como consigna principal, maniféstanse unhas 5000 persoas polas rúas de A Coruña, que son aplaudidas polxs veciñxs da cidade, sen embargo acaban sendo dispersadas polas “forzas da orde”. É en febreiro de 1977, cando ao realizarse unha serie de intentos de ocupación dos terreos por parte da empresa, xs veciñxs, de As Encrobas enfróntanse a Garda Civil para impedir ditas ocupacións. Esta loita tivo como principais protagonistas as mulleres, que ao longo dos anos convertéronse nun símbolo de empoderamento feminino, ao rachar cos valores tradicionais da sociedade galega do momento.
Os actos terán como poñentes a Xosé Bocixa director do documental “As Encrobas, A Ceo Aberto” que nos dará a súa visión de como transcorreu o conflito e a Braulio Amaro e Luís Espasandín membros da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños que nos porán ao día sobre conflitos do mesmo tipo en Galiza.