ÁRBORE PECHA POR FOLGA XERAL

ÁRBORE PECHA POR FOLGA XERAL

 

Ante os recortes sociais que nos últimos anos se teñen feito dende a administración, e con especial fincapé na recente reforma laboral, o día 29 de Marzo, para o que está convocada unha folga xeral co obxectivo de dar marcha atrás a este último ataque ás persoas traballadoras, a Cooperativa de Consumo Consciente Árbore pecha as súas portas. En Árbore entendemos que todas estas medidas avanzan no sentido de darlle maior primacía ao capital e aos mercados especulativos (e aos seus correspondentes intereses) que ás persoas, aloxándose por tanto da economía social que esta cooperativa defende.

 

Despois de que o salvaxe capitalismo nos levara a esta situación de crise nos países do norte e agravara as xa de por si dramáticas situacións en moitos países do sur, despois de escoitar das bocas dos representantes políticos de toda Europa a necesidade de poñerlle límite e regular as actividades de empresas e mercados que actuaron de forma irresponsable e perseguible.

 

Despois de todo isto, e nun curto período de tempo, vemos como esa suposta regulación se volve na nosa contra. Non se vai a controlar o poder dos que propiciaron esta situación, vanse a reducir os nosos dereitos. Dun día para outro nos din que os e as culpables do paro, da burbulla inmobiliaria, dos excesos cometidos non son os bancos que nos enganaron, os imperios mediáticos que nos desinformaron, a sen razón do crecemento perpetuo. Curiosamente, os e as culpables parecemos ser nós porque “atesouramos” demasiados dereitos. Desta forma atácase a opción de que sexamos persoas críticas e libres para denunciar o absurdo no que vivimos, e esta é a peor das crises, a que nos fai cada día máis “escravas” dos seus intereses.

 

A situación actual xa non é unha oportunidade para recoñecer que o produtivismo, a primacía do capital sobre as persoas, o consumismo máis irresponsable, a negación da dignidade das persoas e animais son inasumibles dende a razón e a sensibilidade, polo contrario a crise convértese nunha escusa para avanzar máis nun camiño polo que moitas persoas nunca quixemos transitar.

 

Por todo isto o día 29 de Marzo Árbore estará na rúa, loitando non só contra a reforma laboral senón tamén contra un sistema que segue a premiar ás grandes multinacionais e danando con elas ás persoas e o medio no que vivimos.

 

[FOTO: http://www.flickr.com/photos/certo/7017604889/ LICENZA CREATIVE COMMONS]

 

proxecto fiare galiza