Andaina polo Galiñeiro / 17 Abril

Amigos e amigas de Galiñeiro: LEMBRÁMOSVOS que o domingo 17 de abril temos unha cita.

Esta Plataforma convoca a VI Andaina pola protección da Serra do Galiñeiro, que tivo de ser suspendida o pasado día 4 de outubro a causa das condicións meteorolóxicas. A saída terá lugar no mesmo lugar de entón: a capela de S. Xosé de Prado (Morgadáns, Gondomar), ás 10.30 h. da mañán. Despois de realizarmos un percorrido circular pola serra, voltaremos ao punto do inicio en torno ás 14.30 h. A continuación desfrutaremos dun merecido descanso e das intervencións dos/as artistas convidados/as que se uniron altruistamente á causa do Galiñeiro (MIRAR O CARTAZ ADXUNTO).

Como sabedes, cada ano vimos realizando un roteiro por un lugar distinto da serra. Nesta ocasión partimos de Prado, núcleo rural situado en pleno corredor natural que comunica os cumes do extremo norte da serra do Galiñeiro co Monte Aloia, situado no sur da mesma. Monte que constitúe hoxe por hoxe a única parte deste espazo natural que goza de protección legal. Queremos deste modo reivindicar a serra como un todo, na súa integridade. De nada vale protexer pequenas illas incomunicadas, se non contamos cunha rede coherente de espazos protexidos enlazados entre si e permeables ao tránsito de especies. Esta é precisamente unha das moitas carencias da Rede Galega de Espazos Protexidos e da propia política medioambiental da Xunta de Galicia.

Repetimos ano tras ano esta convocatoria, porque ano tras ano continúa pendendo sobre a Serra do Galiñeiro a mesma espada de Damocles que nos empuxou ladeira arriba aquel intempestivo e chuvioso día de febreiro do ano 2011 cando realizamos a nosa primeira andaina en defensa da serra. Ese gume cortante que representan as contradicións entre as sentenzas do TSXG e as interpretacións da Consellería de Economía respecto dos concursos eólicos. Esa ameaza que representa asimeso un Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia, que pretende desmembrar a serra do Galiñeiro en múltiples cuadrículas mineiras para a explotación de granito e terras raras.

Agardámosmos o vindeiro día 17 para reafirmármonos no noso compromiso de defensa da Serra do Galiñeiro, e de resistencia fronte aos intereses depredadores que continúan ameazando este valioso espazo natural. Seguros e seguras de que a vontade e a constancia da sociedade civil do Miñor, Vigo, a Louriña e todo o ámbito de influenza da serra conseguirá que Galiñeiro conte coa protección que precisa.

www.serradogalinheiro.org

serradogalinheiro@gmail.com

 

proxecto fiare galiza