2ª Feira de Sementes Ecolóxicas / Fundación Galicia Verde

[Publicamos comunicación recibida da Fundación Galicia Verde]
Querid@s,
case sen pensalo, alá vai un ano dende a primeira Feira de Sementes. Hai moita xente que leva tempo preguntándonos cando pensamos facer outra, así que nos alegra podervos anunciar que "a outra" vai ser o próximo día 15 de Abril, domingo, na sede da Fundación en Leboso-Forcarei (por se non coñecedes o sitio, na nosa páxina web hai indicación de cómo chegar).
As actividades iniciaránse ás 11:00 da mañá, coa inauguración a cargo da Alcaldesa de Forcarei, Dª Belén Cachafeiro, e a partir de aí, e co acompañamento da Banda de Gaitas do Concello, iniciarase a actividade da Feira: venda de sementes da Fundación; intertroco de sementes (quen teña semente ecolóxica pode traela para intercambiar na mesa da Rede Galega de Sementes); produción ecolóxica da Hortiña da Ponte; produtos ecolóxicos envasados de Alimentos Amorodo; haberá polbo, menú ecolóxico variado, sorteos e algunha pequena sorpresa.
Aparte da actuación da Banda de Gaitas, que fará varias intervencións durante a mañá, contaremos coa maxia do Mago Teto, que dedica parte do seu espectáculo a recuperar un dos oficios tradicionais máis emblemáticos de Galicia, como é O Afiador. Durante a tarde, teremos un obradoiro de reciclaxe de materiais de uso diario para @s máis pequen@s, con reparto de obsequios entre @s nen@s participantes.
Non deixedes de visitar a nosa páxina, onde sempre encontraredes información actualizada tanto da Feira coma do resto das nosas actividades (formación permanente, grupos de traballo, tenda electrónica, información sobre medio ambiente, saúde, artigos, enlaces, etc.). 
Agradecemos moito que nos axudedes reenviando esta información aos vosos contactos e, por suposto, contamos con vós na Feira.
Apertas e ata pronto,
Mabel (FUNDACIÓN G.V.)